Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

 

A guerra contra o plástico, un ano despois

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

"Creo que a normativa foi moi efectiva, sobre todo á hora de reducir o uso das bolsas de plástico de asas"

 

O 1 de xullo cumpriuse un ano dende a entrada en vigor da directiva europea que limita o uso de bolsas de plástico. O aniversario chega no marco dun movemento mundial en defensa do planeta e contra o cambio climático; unha loita na que o excesivo consumo de plásticos dun só uso é un dos principais cabalos de batalla.

As prazas de abastos asumiron a norma co lema “Non queremos un planeta asfixiado en plástico” e, como no resto de establecementos, comezaron a cobrar as bolsas. Agora, un ano despois fan balance da implantación.

Emilio Regos é o responsable da Polería Charcutería Emilio, na praza de abastos de Conchiñas, na Coruña. Para el, a lei foi todo un éxito. “Creo que foi moi efectiva, sobre todo á hora de reducir o uso das bolsas de plástico de asas”, asegura. “No meu posto, o cobro baixou moito o consumo… diría que se emprega un 60% menos das que se utilizaban antes”. Pouco a pouco, o cliente foi adaptándose a esta nova realidade. “A xente dáse de conta que ten que ser así”, explica Víctor Rodiño, de Carnicería Rodiño, no mercado de Portonovo. “Cando se olvidan a bolsa ás veces non lles gusta que se lles cobre, pero non hai maior problema”. Recoñecen que as mensaxes que se ven nos medios de comunicación axudan á concienciación da clientela. “Había máis comentarios e protestas ao principio”, comenta Juan Carlos Presas. El ten a peixería Juan Carlos, no mercado coruñés de Montealto. “Eu xa lles digo, que o ‘táper’ é moi cómodo: podes usalo mil veces e lavalo. O peixe vai ben e pode ir directo á nevera”.

Atopar alternativas é o proceso que o consumidor está a facer de xeito máis lento. Coa entrada en vigor da normativa, volveron os carriños da compra e as bolsas de tela, pero “plásticos como os das bandexas ou o das bolsas pequenas sen asas son máis difíciles de eliminar ata que a xente se acostume”, recoñece Emilio. Ir á compra equipado con recipientes reutilizables é aínda unha tarefa pendente, a pesares de que os praceiros insisten na comodidade que supón para o cliente. “Hai que mentalizarse. A xente pode levar dous ou tres ‘tápers’ no carro. O produto non mancha e pode conservarse aí mesmo, non sería necesario manipular nada ao chegar á casa. Do bolso á nevera”, resume Víctor.

Tamén hai percepcións diferentes en función do tipo de produto que se venda. A renuncia ao plástico é máis maioritaria nos postos de froitas e legumes, por exemplo. Onde atopan máis reticencias é no caso das peixerías. “No peixe a xente é máis reacia”, asegura Mónica Carballo, propietaria de “Peixes e mariscos Costa da Morte”, no mercado coruñés das Conchiñas. “A bolsa non pode ser de tela, porque se molla, mánchase, colle cheiros… Entón nós usamos case tantas bolsas de plástico coma sempre”.

Segundo comentan os praceiros, estes cambios foron mellor asumidos pola clientela máis nova ou de maior idade. “A xente de mediana idade case non trae bolsa”, comenta Mónica. “Os clientes moi maiores si que traen bolsa ou ‘táper’, e lévano todo no seu carriño”. Para Cruz Fernández, responsable da Polería Estrella do mercado de Montealto, os clientes de máis idade adáptanse mellor a ter que botar man destas alternativas reutilizables porque era algo que xa facían antes de que o plástico dominara todos os eidos. “Ao final son os que mellor asumen os cambios. Usan ‘táper’ ou a bolsa reutilizable de toda a vida”, asegura.



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia