Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

 

Óscar Vidal:

"É moi fácil traballar cos praceiros. Sempre están dispostos"

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
Óscar Vidal, Asador O Pazo (Padrón). Grupo Scala.

 

_

 

O Asador O Pazo, en Padrón, é a aposta do Grupo Scala polo mundo da cociña máis sofisticada. A súa carta xira ao redor da gastronomía autóctona, baseada na tradición e na que a grella é a protagonista e as materias primas moi seleccionadas os actores principais, tal e como eles mesmos confesan na súa páxina web. Dende hai once anos, os fogóns deste asador están dirixidos por Óscar Vidal. É un chef novo, criado na tradición hostaleira e que aposta polo respecto aos produtos da súa contorna. Partindo destes principios, Vidal tiña que ser á forza cliente da praza de abastos de Padrón.

 

 

Como é a vosa relación coa praza?

Xa hai tempo que temos varios provedores no mercado de Padrón. Mercamos froitas, verduras e carne, principalmente. Sobre todo a de porco e a de tenreira, que son das mellores que podemos atopar na zona.

 

Entón a calidade é un dos motivos polos que comprades aí…

 

Si. A calidade, a frescura dos produtos que nos traen e que rinden moi ben. Ademais é moi fáci traballar cos praceiros. Calquera cousa que necesites, eles sempre están dispostos a atenderte do mellor xeito posible, e iso agradécese moito.

 

Para vós, a compra que facedes na praza de abastos de Padrón é garantía de calidade?

 

Si, sempre cumpren. Sempre o dan todo. Ás veces pode ser que se nos meta na cabeza algún produto que non está no seu momento óptimo e loxicamente temos que agardar.

Nestes casos, eles tampouco poden facer máis porque o calendario é o que é. Así é que sempre é todo moi fresco, aguanta moito, vén todo sen mazar… A carne, por exemplo, nola escollen de marabilla, pezas pequenas e tenras. E os porcos tamén, sempre da casa e moi ben coidados.

 

Hai variedade?

 

Si. A verdade é que para ser un pobo pequeno como é Padrón, a praza de abastos está moi ben. Hai moito onde escoller.

 

Que consello darías ao comprador para mercar na praza?

 

Hai que deixarse guiar, confiar no profesional que no está a atender. Si que podemos mirar o produto ben e, por suposto, intentar mercar o mellor sempre, pero o mellor xeito de conseguilo é deixando que o praceiro nos aconselle. Ao fin e ao cabo, son os que traballan co produto todos os días e os que mellor o coñecen.

 

PROPOSTA DE ÓSCAR VIDAL:

Guiso de cabeza de porco e porro asado

As posibilidades culinarias dos produtos que mercamos nas prazas de abastos son infinitas. Así nolo demostra Óscar Vidal coa súa proposta: un guiso de cabeza de porco e porro asado que fará as delicias dos padares máis esixentes.

 

Para poñer as nosas cociñas a funcionar, necesitamos:

 

  • Porros asados (cantidade ao gusto)
  • Media cachucha de porco
  • 200 gramos de tendóns de tenreira
  • Tres cenouras
  • Unha cebola
  • Un pemento vermello e medio
  • Cinco dentes de allo
  • Aceite
  • 750 gramos de manteiga
  • Zume dun limón
  • 200 gramos de garavanzos
  • 2 culleres sopeiras de pimentón

 

Con todos estes ingredientes a receita podería parecer complicada, pero de seguido vemos que é ben sinxela. O primeiro é poñer a branquear as “manitas” a cachuca. Despois, cócese todo xunto aos garavanzos na ola a presión durante unha hora e media.

 

Mentres, pochamos os vexetais, fondeamos o pimentón e engadimos un pouco do caldo da cocedura. Picamos a carne e a poñemos ao fondo, cubríndoa co caldo.

 

Nunha tixola salteams a manteiga coas alcaparras e, por último, botamos o limón. Engadimos todo ao guiso.

 

Fervemos durante 2 minutos e deixamos repousar.

 

Que aproveite!



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia