Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

 

ENTREVISTA A JAVIER OLLEROS

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

"A miña relación co mercado é de amor"

Entre todos os seus compradores, a praza de abastos do Grove conta con un cliente de luxo. A diario, o chef Javier Olleros achégase ata o mercado para mercar a materia prima que despois transformará en gastronomía digna dunha Estrela Michelín nos fogóns de Culler de Pau. Olleros embarcouse nesta aventura gastronómica no ano 2009, abrindo un restaurante en Reboredo, unha pequena poboación próxima á vila meca. A súa aposta polo produto de proximidade, de tempada e da máxima calidade é un dos seus principais trazos.

 

 

Entrevista a Javier Olleros

 

 

Como é a túa relación coa praza de abastos do Grove?

É unha relación de amor (ri). Vou todos os días, cada mañá, e precísoo. Necesito ir ao mercado para arrincar o día. Digo que é de amor xa non só polo produto e a frescura que topas, se non tamén pola relación cos praceiros, que é o máis importante.

 

Este amor é un pouco herdado, non si? O de mercar na praza vén de familia.

Antes era meu pai o primeiro en entrar no mercado… agora son eu o primeiro e el o segundo. Herdanza e tradición. Nós buscamos a excelencia, a frescura e a proximidade, e todo isto é o que me podo atopar no mercado. Confianza plena.

 

A moita xente, sobre todo á máis nova, cústalle comprar nos mercados. Que lles dirías?

Deberían deixar o medo, a comodidade. As prazas de abastos son un núcleo na vida dun pobo. Eu recomendaría que fixeramos un esforzo por ir aos mercados e non só ás grandes superficies. Alí parece que che dan todo, que son máis cómodas, pero a xente ten que pensar na alimentación. Unha boa alimentación atópase no mercado, pero temos que empezar a mudar rutinas e pensar nas prioridades. Se priorizas a boa alimentación, o mercado é unha peza moi importante. Hai que cambiar o chip.

 

Como describirías a praza do Grove e o seu produto?

O produto no mercado do Grove é excelente. Sobre todo moi fresco e ofréceche os artigos en función das estacións. Podes ver pasar o tempo pola praza. A temporalidade é importante porque a natureza é ben sabia, e vaiche poñer diante o que mellor estea nese momento. Entón o mercado é o escaparate da natureza a das súas épocas. Tamén necesito o saber dos praceiros e das praceiras, da xente que vende, que ten o coñecemento do seu produto.

 

De cara ao seu futuro, que deberían facer os mercados?

É importante facer autocrítica. As prazas teñen que analizar por que perderon algo de forza para poñerse as pilas e adaptarse aos novos tempos. É o reto que teñen. Os praceiros teñen que buscar maneiras para dar a volta ao sector, achegando ideas novas e animando aos clientes.

 

Que deberes lles porías?

Hai que revitalizar as prazas dalgún xeito, complementalas. Ir máis aló do produto fresco, incluíndo outras opcións como os elaborados. Achegar máis servizos dende o mercado para chegar a un público diferente, pero mantendo sempre a súa esencia. Dende a miña humilde opinión tamén é moi importante que os vendedores sexan claros coa información que dan para xerar confianza.

 

COMPARTIR



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia