Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Más Intormación - Aceptar.
Lourdes e Charo despedíronse de San Agustín

 

LOURDES E CHARO DESPEDÍRONSE DE SAN AGUSTÍN
A vida despois da praza

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

31-01-2019

 

Tras unha vida dedicada á praza de abastos, Lourdes Mosquera, de ‘Charcutería Isidoro’, e Rosario Díaz, de ‘Pescados Neptuno’, colgaron este ano os mandís. Coa súa xubilación, o Mercado de San Agustín, de A Coruña, perde a dúas veteranas, coñecedoras do que significa pelexar por sacar adiante os seus negocios durante décadas.

 

As dúas instaláronse en San Agustín por herdanza. No caso de Lourdes, foi a familia do seu marido a que traballaba na praza. Hai 48 anos que casou e co matrimonio comezou a axudar as fins de semana a seu marido e seu sogro na chacinería. Cando os fillos creceron, ela entrou a traballar a tempo completo. “Meu sogro viu de Aranjuez a facer a ‘mili’ aquí”, recorda Lourdes. “Decidiu quedar e montou esta chacinería. Segundo dixéronme sempre, foi a primeira que se montou nun mercado... e isto foi hai, polo menos, 67 anos”. Seu marido estivo cincuenta detrás do mostrador de ‘Charcutería Isidoro’ antes de xubilarse. Ela prolongou o traballo catro anos máis.

 

Rosario, máis coñecida como Charo, lanzouse á praza de abastos cando a vida pegoulle un xiro e tivo que buscar un traballo. Entón recorreu ao que coñecía, que era o Mercado de San Agustín. “Miña nai, Laura, estivo toda a súa vida na praza. Cando eu empecei, ela xa o deixara, pero foime máis fácil arrincar aquí pola boa reputación que ela tiña”, asegura orgullosa. O pai de Charo era mariñeiro pero coa proclamación da II República tivo que quedar na casa. A súa familia entendía de peixe, así que a nai e a tía decidiron emprender e comezar a vendelo. “Eu herdei moita clientela súa que seguiu mercando no meu posto os 30 anos que traballei en San Agustín”, asegura.

 

Entre as dúas, suman case 80 anos de experiencia no mundo das prazas de abastos. Foron testemuñas de todos os cambios que se produciron nelas, nas formas de vender e, por suposto, na clientela. Coinciden en que se algo non mudou é a aposta pola calidade no produto. Tampouco o trato coa xente. “Á chacinería viñan clientas que eran fillas e netas de xente que xa empezou a mercar aos meus sogros. Incluso tiña clientes que non vivían aquí e cando viñan á Coruña pasaban polo posto para levar queixos, chourizos e máis cousas para fóra”, explica Lourdes. “Nós tamén tiñamos xente de toda a vida na peixería, pero a verdade é que as prazas cambiaron moitísimo", reflexiona Charo. "A primeira época de Nadal que traballei foi suficiente para cubrir unha débeda que tiña. Agora, a mercadoría escasea, vai máis cara e a xente retráese moito”. Tamén notaron de xeito especial a incorporación da muller ao mercado de traballo. A súa clientela eran principalmente amas de casa, que dispoñían de máis tempo para facer a compra. Ao traballar fóra da casa, o acceso ao mercado é moito máis complicado. “Tampouco había tantos supermercados como hai agora. As vendas cambiaron, pero a nós deunos para vivir”, resume Lourdes.

 

"O que si, estou moi orgullosa de ter vendido sempre mercadoría de moi boa calidade", presume Charo. "Miña nai vendía un produto superior e eu intentei mantelo". Ela marcha pero 'Pescados Neptuno' segue adiante. Nos últimos anos, o seu posto integrouse nunha sociedade con outras peixerías e un mes antes de xubilarse, Charo formou á praceira que xa a substitúe. Máis incerto é o futuro de 'Charcutería Isidoro'. Lourdes agarda poder traspasar o negocio, que actualmente está completamente montado e listo para entrar a traballar. "Os fillos teñen os seus empregos e non seguiron o negocio pero a verdade é que é unha pena que se perda", asegura Lourdes.

 

As dúas miran con agarimo o seu tempo na praza, pero reciben a xubilación cos brazos abertos. “Gústame moito estar detrás do mostrador pero despois de que meu home se xubilara, estar soa fíxose máis complicado”, comenta Lourdes. “A clientela era practicamente unha familia. Pero a verdade é que ao chegar os anos xa tiña gañas”. Charo, pola súa banda, non ten sentimentos encontrados. “Son feliz. Son unha xubilada feliz”, ri. “Estou que non mo creo. A filla é independente e xa necesitaba tempo para min”.

 

Que van facer agora nesta nova etapa? Lourdes aproveitará para pasar máis tempo coa súa nai de 88 anos. “Estou afacéndome. Vou andar polas mañás e aproveito para descansar”. Charo tamén quere camiñar, pero é algo máis ambiciosa. “A miña meta é facer o Camiño de Santiago”, explica divertida. “Tiven que aprazalo pero xa me apuntei a un obradoiro de teatro e estou encantada”. Un descanso ben merecido.

 



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia