Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

 

MERCADO DE SAN AGUSTÍN

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

Herdeiro da modernidade europea

 

Mercado de San Agustín

 

 

En pleno barrio da Peixería, ao lado da praza de María Pita e xusto enfronte da praza do Humor. O mercado de San Agustín está situado en pleno corazón da cidade da Coruña, e está considerado como un dos edificios máis emblemáticos da primeira metade do século XX. Os arquitectos municipais Santiago Rey e Antonio Tenreiro foron os responsables dun proxecto que asinaron en 1932, e que bebía directamente do Movemento Moderno europeo. Non había nin entre as súas obras nin na cidade da Coruña ningún edificio destas características.

 

O mercado de San Agustín construíuse para dar resposta a unha necesidade. Como sucede na maioría das prazas de abastos que coñecemos na actualidade, a súa orixe está na aglomeración de postos de venda ao aire libre que ocupaban esa zona. Xa dende 1898 fixéronse varios proxectos para acollelos e unificalos. Presentáronse ata tres para levantar mercados de ferro, pero nun momento xa de entreguerras era un material que non abundaba. O seu elevado custo obrigou a descartalos.

 

A solución chegou da man de Rey e Tenreiro, que decidiron apostar por un recurso non demasiado empregado ata o momento na construción de edificios: o formigón. Animados polas experiencias modernistas que se repetían por Europa, tomaron como referencia o mercado público da cidade francesa de Reims, do ano 1920. Desta inspiración xurdiu o elemento máis característico de San Agustín: a súa cuberta parabólica, todo un reto arquitectónico na Galicia dos anos 30.

 

De 24 metros de altura, construíuse cunha lámina de formigón de 15 cm de grosor, incrustada con bandas de vidro e sen piares. O resultado é “un edificio audaz, emblemático e coherente coa súa función da metade do século XX”, tal e como o describen na propia páxina web do concello da Coruña. Non en van, foi coñecido como o ‘Guggenheim’ galego, polo carácter innovador e moderno que inspirou a súa construción, conectando a cidade herculina coa vangarda europea do momento.

 

A súa importancia arquitectónica está recoñecida. De feito, o mercado de San Agustín aparece no catálogo Documentación e Conservación do Movemento Moderno (Docomomo), un estudo da Fundación Mies Van der Rohe que inclúe outros dous edificios coruñeses: a unidade veciñal de Elviña de Corrales e a Universidade Laboral.

 

Segundo resalta o concello da Coruña, a día de hoxe o de San Agustín é o único dos poucos edificios públicos municipais racionalistas que subsisten en funcionamento con escasas modificacións. Na actualidade, entre as súas tres plantas repártense máis de corenta postos interiores e exteriores, que actúan como puntos de venda de mariscos, peixes, carnes, froitas e verduras de todo tipo e sempre de tempada. Mantendo a súa esencia, o produto fresco é o rei do mercado, aínda que nos últimos tempos San Agustín sumou a oferta de novos artigos para cubrir as necesidades dos clientes. Pan, queixo, legumes, produtos ecolóxicos, flores ou comidas para levar, tamén se poden mercar na praza coruñesa.

 

Neste afán por adaptarse aos novos tempos, tamén houbo cambios na distribución dos postos. A primeira planta, antes reservada aos vendedores de peixe, acolle agora eventos de fin de semana e actividades que buscan dinamizar o mercado, abríndoo ao público e enchendo de vida esta xoia arquitectónica coruñesa.

COMPARTIR



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia