Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

 

Como se vive o verán nas prazas de abastos?

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

O verán é a época de vacacións por excelencia. Aínda que cada ano son máis os que escollen repartilas cara outros momentos, o bo tempo e os días máis longos seguen a facer dos meses de xuño, xullo e agosto os preferidos para descansar. Tamén para desprenderse da rutina que se segue durante o resto do ano. As altas temperaturas e, sobre todo, o non ter que ir ao traballo, anima aos consumidores a mudar os seus costumes: dedícase máis tempo ao ocio e menos a outras tarefas típicas do día a día. Como, por exemplo, facer a compra.

Estes cambios nótanse na vida das prazas de abastos galegas. Como bo reflexo que son da realidade que as rodea, experimentan de pleno as modificacións das rutinas da súa clientela e das súas vilas. No verán, hai localidades que son receptoras de turistas, sobre todo as costeiras, e ven como se multiplica (por moito) a súa poboación; outras, principalmente as cidades grandes ou as vilas do interior, quedan baleiras polo éxodo dos seus habitantes cara outros destinos ou para volver aos concellos dos que son naturais.

Como se vive o verán nos mercados de abastos? Como bos galegos, depende. O verán pode ser “unha avalancha de traballo” ou “o momento do ano no que as vendas son máis baixas”. As dúas son descricións de praceiros de prazas de abastos de Galicia, pero a súa percepción varía en función da localidade na que están situadas.

Portonovo destino turístico preferente


Portonovo: destino turístico preferente

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

O verán no concello de Sanxenxo deixa unhas cifras que producen vertixe. A vila é destino preferente para moitos turistas que chegan dende diferentes puntos da Península Ibérica. Entre os meses de xullo e setembro, a súa poboación dispárase: segundo o Instituto Nacional de Estatística, pode pasar dos 17.000 habitantes a superar os 32.000. A vila de Portonovo non escapa a este fenómeno.

Unha vez máis, praia, a paisaxe e as temperaturas suaves das Rías Baixas son un dos principais reclamos para a xente que decide visitar este municipio. Unha listaxe na que cada vez rouba máis protagonismo a gastronomía, e acaso non son as prazas de abastos un dos principais escaparates dos produtos típicos de cada zona?. “No verán vén todo o calor xunto e toda a xente xunta”, bromea Víctor Rodiño, presidente da asociación de praceiros de Portonovo. “Notamos unha suba de xente importante… a clientela multiplícase por moito. De repente, temos unha avalancha de traballo”.

Nesta praza de abastos, o traballo concéntrase na segunda quincena de xullo e todo o mes de agosto. Así as cousas, estas datas poden variar en función do condicionante rei das vacacións de verán: o tempo. Pero faga sol ou chova, o mercado de Portonovo xa é un atractivo máis para os turistas que se achegan ata a vila. “A xente de fóra vén á praza porque pensan que o produto é mellor que o que se atopan noutros sitios. Ademais, moitos non teñen mercados onde viven e teñen que ir ás grandes áreas, así que aproveitan a viaxe para coñecer o que temos nas prazas de abastos”, explica Víctor. O novidoso do ambiente e a confianza que transmiten os mercados, son os principais reclamos para que os turistas rematen facendo as súas compras estivais neles. “Valoran tamén a diferenza de calidade que se atopan na maioría dos produtos”, asegura.

Con esta afluenza de visitantes, o verán muda de xeito importante o ambiente da praza de abastos de Portonovo. Tamén cambia os hábitos alimentarios. “Non ten que ver o que cociña un cliente en pleno agosto co que fan cando empeza a refrescar. Ao final, todo depende do tempo”, resume Víctor. As grelladas de carne, os peixes e os mariscos son os reis da gastronomía do verán, tamén entre os turistas.

 

Pola contra, este incremento de compradores de fóra vén acompañado dun descenso dos consumidores locais. “En Portonovo temos problemas de aparcadoiro, de atascos, de colas… a xente que é de aquí traballa moito durante o verán para aproveitar a campaña, así que non ten toda a mañá para vir comprar”, comenta o presidente dos praceiros. “Entón o cliente de todo o ano si que diminúe ata o mes de setembro. Aquí é cando cae o pico de compradores turistas”.


As prazas coruñesas baléiranse co verán

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar


A afluenza de xente que se ve no mercado portonovés contrasta co baleiro dos coruñeses. Non importa se falamos co Mercado de Montealto, co de Conchiñas ou co de Elviña; a estampa é a mesma. “Aquí pasa ao revés que nos pobos turísticos: a xente no verán marcha. Temos máis venda o resto do ano”, resume Mónica Carballo, presidenta da asociación de praceiros de Conchiñas.

Os veciños da Coruña aproveitan a época estival para deixar a cidade; algo que se nota nas prazas de abastos. “Os nosos clientes ou teñen casa de campo fóra ou marchan para as súas aldeas. Por iso o mercado queda morto”, explica Pablo Barbeito, presidente dos vendedores de Elviña. “A maioría da xente que vive no barrio non é de aquí”, coincide Cruz Fernández, representante dos praceiros de Montealto. “No verán volven ás súas vilas, así que notamos moita merma de clientes ata que empezan de novo os colexios”.

Segundo a experiencia destes praceiros, o tipo de turismo que recibe a cidade herculina non merca nos mercados. As prazas tampouco están ubicadas en zonas céntricas, senon que se reparten por barrios, así que non notan un incremento das visitas como si pasa noutras vilas galegas. “Non temos vendas turísticas porque o turismo de Coruña come fóra da casa. Pode que veña algún cliente con familiares que están de vacacións e merquen algo, pero en xeral as vendas baixan”, explica Mónica. “Moitos de nós aproveitamos tamén para coller días libres”, asegura Pablo. “Eu pecho a segunda quincena de agosto, e coma mín varios compañeiros”.

En canto ao impacto que pode ter o incremento do traballo da hostalería nas vendas, varía en función da praza e do tipo de produto do praceiro. Mónica Carballo, por exemplo, recoñece que o peixe e o marisco de tempada é algo que se move ben durante o verán. “Os bares de tapeo e restaurantes cos que traballo si que mercan máis, porque eles teñen máis clientes que durante o inverno grazas ao turismo”, comenta. Así as cousas, na maioría dos casos os mercados reflicten a realidade dos seus barrios. Como explica Pablo Barbeito, da praza de Elviña: “Eu a hostalería que traballo é a que teño ao lado e estamos todos no mesmo saco. A xente da zona que vai tomar o viño marcha para as aldeas e xa non se pasa”, asegura.

Iso si, coa volta ao cole, regresa a normalidade tamén ás prazas de abastos.



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia