Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.


MERCA COMO UN PROFESIONAL
A mellor centola, sempre da ría

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

Coa veda da centola recén aberta, o rei dos mariscos non falta nos puntos de venda. Pero, como en todo, é fundamental saber o que estamos a mercar para evitar que nos dean “gato por lebre”.

O principal é saber distinguir se a centola que temos diante é da ría ou foránea. A que chega de Francia ou Reino Unido é moito máis barata que a que se colle nas costas galegas, e tampouco hai comparación no sabor. Por iso é moi importante diferencialas, algo sinxelo a simple vista. “A cor do caparazón é o primeiro. A de fóra é máis vermella, pero a da ría é dunha cor moito máis intensa e escura”, explica Loli Alarcón, de Mariscos Portomar da Praza de Portonovo. “A nosa ten tamén máis algas no caparazón, as puntas máis afiadas e as patas máis longas e puntiagudas. A de fóra é máis lisa e non pica”.

Cos consellos de Loli non semella complicado evitar levar para casa unha centola de fóra cando pensas que mercaches unha da ría pero… como facemos para diferenciar as femias dos machos? É igual de sinxelo? “Só pola forma do caparazón, xa se sabe, e é moito máis fácil se lle das a volta”, explica. “Nos machos, a parte de abaixo do abdome é plano, cun triángulo fino. Nas femias esa zona é máis ancha, como en forma de círculo”.
Outro truco: o macho ten as primeiras patas, as máis próximas á boca, moito máis longas.

Como experta, Loli Alarcón non dubida na súa escolla: o da femia é, principalmente, fama. “A maioría da xente prefírea polos corais, pero ten un sabor máis suave. O gusto dos machos é máis intenso, sobre todo nas pinzas. Os profesionais prefírenos porque son impresionantes”.

Mercar o marisco vivo tamén é fundamental para asegurarnos de que estamos a facer unha boa compra. E isto é algo a ter en conta despois, á hora de cocelo. Aínda que poida parecer irrelevante, non se coce igual unha centola viva que morta. “Se está viva, hai que metela cando a auga está fría, con moito sal e laurel. Cando rompe a ferver, déixase entre 15 e 20 minutos, dependendo de se pesa menos ou máis dun quilo”, explica Loli. “Se botamos o marisco vivo en auga fervendo, arríncanselle as patas e baléirase. Se está morto, iso non pasa”.

Se a nosa intención é conxelala, o proceso tamén ten o seu truco. Unha vez cocida a centola, déixase enfriar coas patas cara arriba, para que manteña
o caldo. Cando estea fría, móllase un pano na auga da cocción e úsase para envolver o marisco. “Hai que apretar ben, para que non queden burbullas de aire”, aconsella Loli. “Despois, envólvese todo nun film transparente e xa pode ir ao conxelador. Sempre coas patas cara arriba”. Chegado o momento de consumilo, unicamente haberá que deixalo na nevera o día anterior.

Seguindo estes consellos de Loli Alarcón, de Mariscos Portomar, ademais de mercar a centola como un profesional, tamén poderemos cocela, conxelala e gozala cando queiramos, como outro.

 



FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

José Salgado, 2 - entresuelo
36650 Caldas de Reis (Pontevedra)
CIF G94023801
T: +34 669 776 017
E: info@fepragal.es
SOCIAL MEDIA

Facebook Fepragal



 
 
 
PÁXINA WEB SUBVENCIONADA POR
 
Subvencionado pola Xunta de Galicia